viernes, 29 de abril de 2011

Bodegas de Vilariño-Cambados SA. Os comezos. (9)


O 16 de Abril de 1985 constituíuse a Sociedade Agraria de Transformación da Agrupación de Colleiteiros de Albariño de Vilariño-Cambados SAT con 50 persoas inscritas na Cámara Agraria.
O detonante da constitución da cooperativa estivo na dificultade que tiñan os colleiteiros para vender a súa produción e cobrar un prezo razoable por ela. Por aquelas existían na zona só catro adegas que se encargaban da recollida da uva (unha delas era unha cooperativa: Dom Bardo)  polo que eran eles os que podían impoñer as condicións de compra-venda.
Os socios fundadores eran xente da zona, coñecidos e amigos a meirande parte deles (case todos da parroquia de Vilariño, Cambados).  A dedicación a esta actividade estaba ligada, na meirande parte dos casos, á tradición familiar (ou da zona) e tamén hai que ter en conta que, inda que con estudos primarios soamente, foron capaces de levar adiante un proxecto empresarial que é envexado en moitos lugares. Pódese dicir que supliron a falta de formación con gañas de traballar e emprendedurismo. Ademais non podo esquecer mencionar que na meirande parte dos casos esta non era a actividade principal dos socios, esta actividade comezou como un hobby para moitos deles.
Os comezos non foron fáciles. Nun principio conseguían reunirse aos venres no colexio da parroquia que está a uns cen metros da ubicación actual da adega (daquela inda non existía) pero o que pasaba e que unha semana viñan uns e a semana seguinte estes non aparecían e viñan outros distintos. A solución pola que se optou foi que cada socio fixese un depósito no banco de 25000 ptas., cousa que resultou ter éxito á hora de lograr o compromiso destes co proxecto.
O apoio de SODIGA (Sociedade de Desenvolvemento Industrial de Galicia) que asumiu unha parte do capital social da S.A. constituída pola propia da Agrupación de Colleiteiros de Albariño de Vilariño-Cambados SAT, e o da Xunta de Galicia que aportou diñeiro (finalmente a fondo perdido) en función dos postos de traballo xerados foron moi importantes para salvar os obstáculos iniciais. Neste momento é cando se constitúe Bodegas de Vilariño-Cambados SA (5 de febreiro de 1986) e o emprazamento elixido foi unha consecuencia da existencia dun terreo axeitado no lugar de Burgáns (Vilariño) fronte a outros tamén axeitados pero máis afastados da vila natal dos fundadores (foron tidos en conta terreos no concello de Barro para situar as instalacións). Nestas decisións xa tivo moito que ver o enólogo Luciano Amoedo Rodiño, que parece ter unha intuición especial á hora de atopar terreos axeitados, por norma xeral, para a localización de viñedos pero, neste caso, para a localización do que hoxe é unha grande adega que pode ser contemplada dende puntos moi afastados do concello por se atoparen nun pequeno cumio do terreo.

Foto: Parte máis alta das instalacións da Bodega Martín Códax

martes, 26 de abril de 2011

O Val do Salnés. Viticultura (8)

Foto 1: Entrada do Mosteiro da Armenteira
A teoría máis respaldada sobre cando chega o Albariño o Val do Salnés é a que aposta pola Idade Media (S. XII- XIII). Este desenvolvemento produciuse ó amparo do mosteiro de Santa María da Armenteira (Meis). Tamén se pensa que a orixe do Albariño está na conca do Rhin (alemana e francesa) e que as peregrinacións a Compostela tiveron moito que ver coa súa aparición neste Val.

Foto 2: Interior do Pazo de Fefiñáns
É aquí cando podemos encaixar o Concello de Cambados en canto a súa importancia na produción deste viño monovarietal (de uva só albariña). A existencia de pazos señoriais, como o de Fefiñáns, que se conservan hoxe en día, propiciou que chegasen ata hoxe cepas centenarias de uva albariña.
Como podemos comprobar na táboa seguinte, o Val do Salnés é a subzona máis relevante das cinco integradas na D.O. tanto en número de viticultores (71%) como de superficie (56%). Tamén podemos dicir que a estrutura é minifundista como demostra o número de parcelas por viticultor (3 de media) e a extensión media (5600 metros cadrados).

Táboa: Estrutura da produción (2009)

Fonte: Elaboración propia con datos de http://doriasbaixas.com/public/manager.php?p=Estructura

lunes, 18 de abril de 2011

Denominacións de Orixe: Rías Baixas (7)


A D.O. Rías Baixas bota a andar en 1980 (B.O.E do 11 de Outubro: Denominación Específica Albariño). Inda que se complementa e completa con modificación e novos regulamentos durante estes 30 anos de historia. Neste momento xa existían algunhas D.O. en Galicia como: Ribeiro (1932) e Valdeorras (1977) e máis tarde incorpóranse Monterrei (1994) e a da Ribeira Sacra (1996)

Mapa: Localización xeográfica do espazo obxecto de estudo.
 Fonte: Elaboración propia

A D.O. Rías Baixas, ó igual que as demais, abarca zonas con características físicas homoxéneas (terras de altitude inferior a 300 metros, próximas ó mar e asociadas as desembocaduras dos ríos. Isto implica unhas características climáticas homoxéneas tamén (temperaturas suaves, precipitacións elevadas con un descenso os meses de verán).
Cada D.O. conta con un consello regulador que se encarga de controlar todo o proceso de cultivo, elaboración e envasado do viño. Unha vez que verifican que tódolos parámetros son correctos, o inspector da permiso para que se lle engada unha etiqueta na parte posterior da botella que indica que pertence a tal Denominación.

Imaxe: Etiqueta da D.O. Rías Baixas

As creación de D.O. contribúen a dar empuxe, na dirección da calidade, ós viños que xa antes da creación tiñan unha grande presencia en canto a superficie cultivada ocupada, como se pode ver na táboa.

Táboa: Distribución dos cultivos respecto do total das terras cultivadas nas Rias Baixas galegas (1989)(%)

Herbáceos
Froitas
Viña
Outras terras labradas
Rias Baixas
77,9
1,5
20,5
0,2
R.B. Coruñesas
90,9
1,3
7,7
0
R.B. Pontevedresas
70,1
1,6
28,1
0,03
Fonte: A.J. PAZO LABRADOR (1995): La trama de los asentamientos rurales en las rias bajas gallegas, Deputación de Pontevedra

Existen varias razóns polas que as Rías Baixas son un terreo idóneo para o cultivo da vide, entre elas está a existencia dun ecosistema moi rico o que permitía uns modelos de traballo mixtos:
  • Agricultura – gandería – forestal
  • Agricultura – pesca - marisqueo
  • Agricultura – industria – servizos (nas proximidade dos núcleos urbanos)
Estes modelos de traballo funcionaban neste emprazamento grazas a proximidade xeográfica das actividades produtivas. A viña, non é un traballo moi escravo agás en certas épocas do ano como a vendima polo que era relativamente sinxelo de combinar con outro traballo, ben sexa no campo, no mar,…
Inda que por termo medio, a táboa 1 resume ben o que acontece en Galicia, o val do Salnés non cumpre con esta estrutura. Este val é moito máis plano e fértil que moitos dos terreos do arredor o que fai as plantación máis rendibles. En 1989, Cambados (Capital do Albariño), ten o 75% das súas terras cultivadas con viña.
Estas e outras razóns son as que están detrás do interese que ten a vide e o viño para Galicia, para as Rías Baixas e para min, que son de Cambados.

TXT COMPLETO