jueves, 5 de mayo de 2011

Bodegas de Vilariño-Cambados SA. Profesionalización. (11)


En canto as negociacións cos provedores, J. Martínez Chantada (4º presidente) salienta a creación dunha cooperativa de segundo grao, Forvi, para as compras de todo o material “en colaboración coas cooperativas (tamén do Salnés) Meaño, Horsal e Hortumia”.
O xerme do crecemento tan rápido da adega  pode vir marcado polo logro dun equilibrio entre os principios do cooperativismo e os da empresa privada. Souberon coller o mellor de cada parte, do cooperativismo conservan a mentalidade de traballar para o socio, tratar de recollerlle toda o produción e pagarlla ó socio a un prezo que lle permita vivir dignamente; da empresa privada recolleron a idea da profesionalización do equipo xestor da adega. Tanto foi así que o director xeral J. Vázquez Gancedo (1994-actualidade) foi partícipe do primeiro plan estratéxico de 1995. En palabras súas, o feito diferenciador desta cooperativa con respecto doutras estivo na aposta pola profesionalización, “todos temos os mesmos depósitos de aceiro,  a uva parecida, os mesmos edificios…o único que temos diferente é o equipo humano”. Un equipo humano cunha formación elevada e actualizada.
Nas seguintes gráficas podemos ver como foi a evolución da adega en canto a cifras de facturación e de xeración de emprego. Os incrementos, tanto de facturación como de empregados, foron exponenciais na última década.

Gráfico 1: Evolución da facturación de Bodegas Martín Códax SAU

Fonte: XXV Aniversario de Viticultores de Martín Códax Sociedade Cooperativa Galega (2010)

Gráfico 2: A xeración de emprego en Martín Códax SAU
Fonte: XXV Aniversario de Viticultores de Martín Códax Sociedade Cooperativa Galega (2010)

TXT COMPLETO

miércoles, 4 de mayo de 2011

Bodegas de Vilariño-Cambados SA. Dificultades e aposta pola tecnoloxía (10)


Os primeiro problemas viñeron na primeira colleita despois da constitución da sociedade xa que inda non contaban coas instalación para elaborar o viño polo que tiveron que pedir moitos favores e traballar moi duro para sacar a súa primeira colleita propia.  O seu primeiro presidente, Manuel Noya,  recorda: “entre nós pegabámoslle a etiqueta a man”. Desta primeira colleita vendeuse todo e xa acadaron premios na Festa do Albariño. Todo isto encheunos de orgullo e fíxoos crer, máis si cabe, no proxecto que estaban a levar adiante e nas súas capacidades.
Outro dos momentos clave foi a elección do nome do produto da primeira colleita. Daquela estilábase poñerlle nomes de nobres, ou mesmo inventados, pero non era algo co que os socios estivesen de acordo. O nome escollido resultou ser o proposto por Hernando Martínez (2º presidente da SAT, hoxe cooperativa). A idea que tiñan era buscar un nome fácil de entender, comercial, que tivera dúas sílabas,…, ao estilo Coca-Cola. Deste estudo, di H. Martínez: “feito con sentido común” xurdiu Martín Códax que é un nome da historia, da literatura e da cultura Galega. A mentalidade dos socios volve quedar de manifesto cando fan a aposta polas prensas pneumáticas. “Das primeiras prensas que viñeron de Alemaña, dúas foron para aquí” lembra H. Martínez.
 Imaxe: Unha das salas con cubas de viño

A aposta polas novas tecnoloxías e/ou incorporación de maquinaria para mecanizar os procesos de produción sempre estivo patente pero, ademais, fíxose unha aposta moi forte na innovación do produto. Moita parte da culpa dista aposta pola innovación tena o enólogo L. Amoedo (partícipe dende a creación da adega) pois a gran variedade de produtos comercializados son resultado de procesos de proba e erro nas instalación que a adega ten para tal fin. Na actualidade o equipo de enólogos é máis extenso e son os xoves os que veñen pisando forte na elaboración de novos caldos.
Outra mostra da aposta pola investigación e a experimentación vitivinícola témola na creación da Fundación Arce que, en colaboración coa Universidade Politécnica de Madrid, explota dúas hectáreas de viña experimental. Non foi este o primeiro contacto da cooperativa coa universidade, xa que traballaban no estudo dos fermentos do viño en colaboración coa Universidade de Vigo.

TXT COMPLETO

viernes, 29 de abril de 2011

Bodegas de Vilariño-Cambados SA. Os comezos. (9)


O 16 de Abril de 1985 constituíuse a Sociedade Agraria de Transformación da Agrupación de Colleiteiros de Albariño de Vilariño-Cambados SAT con 50 persoas inscritas na Cámara Agraria.
O detonante da constitución da cooperativa estivo na dificultade que tiñan os colleiteiros para vender a súa produción e cobrar un prezo razoable por ela. Por aquelas existían na zona só catro adegas que se encargaban da recollida da uva (unha delas era unha cooperativa: Dom Bardo)  polo que eran eles os que podían impoñer as condicións de compra-venda.
Os socios fundadores eran xente da zona, coñecidos e amigos a meirande parte deles (case todos da parroquia de Vilariño, Cambados).  A dedicación a esta actividade estaba ligada, na meirande parte dos casos, á tradición familiar (ou da zona) e tamén hai que ter en conta que, inda que con estudos primarios soamente, foron capaces de levar adiante un proxecto empresarial que é envexado en moitos lugares. Pódese dicir que supliron a falta de formación con gañas de traballar e emprendedurismo. Ademais non podo esquecer mencionar que na meirande parte dos casos esta non era a actividade principal dos socios, esta actividade comezou como un hobby para moitos deles.
Os comezos non foron fáciles. Nun principio conseguían reunirse aos venres no colexio da parroquia que está a uns cen metros da ubicación actual da adega (daquela inda non existía) pero o que pasaba e que unha semana viñan uns e a semana seguinte estes non aparecían e viñan outros distintos. A solución pola que se optou foi que cada socio fixese un depósito no banco de 25000 ptas., cousa que resultou ter éxito á hora de lograr o compromiso destes co proxecto.
O apoio de SODIGA (Sociedade de Desenvolvemento Industrial de Galicia) que asumiu unha parte do capital social da S.A. constituída pola propia da Agrupación de Colleiteiros de Albariño de Vilariño-Cambados SAT, e o da Xunta de Galicia que aportou diñeiro (finalmente a fondo perdido) en función dos postos de traballo xerados foron moi importantes para salvar os obstáculos iniciais. Neste momento é cando se constitúe Bodegas de Vilariño-Cambados SA (5 de febreiro de 1986) e o emprazamento elixido foi unha consecuencia da existencia dun terreo axeitado no lugar de Burgáns (Vilariño) fronte a outros tamén axeitados pero máis afastados da vila natal dos fundadores (foron tidos en conta terreos no concello de Barro para situar as instalacións). Nestas decisións xa tivo moito que ver o enólogo Luciano Amoedo Rodiño, que parece ter unha intuición especial á hora de atopar terreos axeitados, por norma xeral, para a localización de viñedos pero, neste caso, para a localización do que hoxe é unha grande adega que pode ser contemplada dende puntos moi afastados do concello por se atoparen nun pequeno cumio do terreo.

Foto: Parte máis alta das instalacións da Bodega Martín Códax