viernes, 29 de abril de 2011

Bodegas de Vilariño-Cambados SA. Os comezos. (9)


O 16 de Abril de 1985 constituíuse a Sociedade Agraria de Transformación da Agrupación de Colleiteiros de Albariño de Vilariño-Cambados SAT con 50 persoas inscritas na Cámara Agraria.
O detonante da constitución da cooperativa estivo na dificultade que tiñan os colleiteiros para vender a súa produción e cobrar un prezo razoable por ela. Por aquelas existían na zona só catro adegas que se encargaban da recollida da uva (unha delas era unha cooperativa: Dom Bardo)  polo que eran eles os que podían impoñer as condicións de compra-venda.
Os socios fundadores eran xente da zona, coñecidos e amigos a meirande parte deles (case todos da parroquia de Vilariño, Cambados).  A dedicación a esta actividade estaba ligada, na meirande parte dos casos, á tradición familiar (ou da zona) e tamén hai que ter en conta que, inda que con estudos primarios soamente, foron capaces de levar adiante un proxecto empresarial que é envexado en moitos lugares. Pódese dicir que supliron a falta de formación con gañas de traballar e emprendedurismo. Ademais non podo esquecer mencionar que na meirande parte dos casos esta non era a actividade principal dos socios, esta actividade comezou como un hobby para moitos deles.
Os comezos non foron fáciles. Nun principio conseguían reunirse aos venres no colexio da parroquia que está a uns cen metros da ubicación actual da adega (daquela inda non existía) pero o que pasaba e que unha semana viñan uns e a semana seguinte estes non aparecían e viñan outros distintos. A solución pola que se optou foi que cada socio fixese un depósito no banco de 25000 ptas., cousa que resultou ter éxito á hora de lograr o compromiso destes co proxecto.
O apoio de SODIGA (Sociedade de Desenvolvemento Industrial de Galicia) que asumiu unha parte do capital social da S.A. constituída pola propia da Agrupación de Colleiteiros de Albariño de Vilariño-Cambados SAT, e o da Xunta de Galicia que aportou diñeiro (finalmente a fondo perdido) en función dos postos de traballo xerados foron moi importantes para salvar os obstáculos iniciais. Neste momento é cando se constitúe Bodegas de Vilariño-Cambados SA (5 de febreiro de 1986) e o emprazamento elixido foi unha consecuencia da existencia dun terreo axeitado no lugar de Burgáns (Vilariño) fronte a outros tamén axeitados pero máis afastados da vila natal dos fundadores (foron tidos en conta terreos no concello de Barro para situar as instalacións). Nestas decisións xa tivo moito que ver o enólogo Luciano Amoedo Rodiño, que parece ter unha intuición especial á hora de atopar terreos axeitados, por norma xeral, para a localización de viñedos pero, neste caso, para a localización do que hoxe é unha grande adega que pode ser contemplada dende puntos moi afastados do concello por se atoparen nun pequeno cumio do terreo.

Foto: Parte máis alta das instalacións da Bodega Martín Códax

martes, 26 de abril de 2011

O Val do Salnés. Viticultura (8)

Foto 1: Entrada do Mosteiro da Armenteira
A teoría máis respaldada sobre cando chega o Albariño o Val do Salnés é a que aposta pola Idade Media (S. XII- XIII). Este desenvolvemento produciuse ó amparo do mosteiro de Santa María da Armenteira (Meis). Tamén se pensa que a orixe do Albariño está na conca do Rhin (alemana e francesa) e que as peregrinacións a Compostela tiveron moito que ver coa súa aparición neste Val.

Foto 2: Interior do Pazo de Fefiñáns
É aquí cando podemos encaixar o Concello de Cambados en canto a súa importancia na produción deste viño monovarietal (de uva só albariña). A existencia de pazos señoriais, como o de Fefiñáns, que se conservan hoxe en día, propiciou que chegasen ata hoxe cepas centenarias de uva albariña.
Como podemos comprobar na táboa seguinte, o Val do Salnés é a subzona máis relevante das cinco integradas na D.O. tanto en número de viticultores (71%) como de superficie (56%). Tamén podemos dicir que a estrutura é minifundista como demostra o número de parcelas por viticultor (3 de media) e a extensión media (5600 metros cadrados).

Táboa: Estrutura da produción (2009)

Fonte: Elaboración propia con datos de http://doriasbaixas.com/public/manager.php?p=Estructura